O coñecemento da bioloxía, as particularidades propias do proceso evolutivo, ou mesmo a expansión do Universo. Estas e moitas outras cuestións son tan relevantes para comprender a nosa propia existencia, ou o noso papel na biosfera, que resulta indispensable que a linguaxe utilizada para achegarnos aos seus contidos sexa facilmente comprensible por pequenos e maiores, inexpertos ou avezados científicos. E isto é o que acontece no libro “Biología para Elisa. La poesía del conocimiento”. Unha obra en positivo na que o autor, sen entrar en complexidades técnicas, aborda de xeito resumido numerosas temáticas científico/ambientais, cunha clara intención de espertar nos máis novos un interese pola curiosidade e o descubrimento de todo o que nos rodea. Á fin e ao cabo, son eles os que herdarán a terra.
E para coñecer en profundidad esta obra de divulgación científica, e poder conversar sobre algunhas das cuestións que salpican os diferentes capítulos que a compoñen, convidámoste a vir a unha nova xornada “Falando de natureza” na que teremos connosco ao seu autor:
Alejandro Martínez Abraín. Doutor en Bioloxía, membro do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva -GIBE- e, na actualidade, profesor titular da Área de Ecoloxía na Universidade da Coruña. A súa vida, traballo e investigacións leváronno por Canadá, Inglaterra, California, Mallorca, Valencia… ata aterrizar en Galicia. Autor durante anos dunha serie mensual de artigos nomeada “El Detective Ecológico” na coñecida Revista Quercus de información ambiental, así como de outros moitos títulos e artigos científicos.
A cabalo entre a ecoloxía, a conservación e a evolución, considera moito máis relevante ensinar a pensar que o simple aporte de información: Que o coñecemento te cambie. Se non, non é un coñecemento útil.
O relatorio, de balde e aberto ao público, terá lugar o vindeiro domingo 16 de abril, ás 19h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-. Para a asistencia e participación neste formato presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Agradécese a asistencia do público de xeito presencial, xa que teremos a oportunidade de ter en persoa connosco ao autor. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas. A xornada finalizará cunha sinatura de libros por parte do autor, na compañía de todos aqueles que traian o seu propio exemplar ao local do G.N.Hábitat.
“Biología para Elisa. La poesía del conocimiento“ é unha publicación de Tundra Ediciones, cuxa actividade editorial ten por obxectivo contribuír á divulgación e conservación da natureza, así como á difusión e promoción da Historia Natural. Se queres facerte cun exemplar do libro antes do día da presentación, podes visitar á web de Tundra (acceso á ligazón) ou solicitalo na túa libraría de confianza. Dende o G.N.Hábitat procuraremos ter algúns exemplares para a súa venda directa no día da actividade, mais non podemos asegurar a súa dispoñibilidade.
Aproveita. Faite co teu exemplar e sumérxete nesta agradable lectura! Poderás resolver as túas dúbidas e compartir connosco as túas inquedanzas no día da presentación.
Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Agardámoste!
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Leave A Comment