As Especies Exóticas Invasoras (EEI) son unha das principais causas de perda de biodiversidade nos espazos naturais, pois moitas delas son mellores competidoras e desprazan ás especies autóctonas, podendo ocasionar a desaparición local de moitas destas, poñéndoas en perigo.

Dende o Grupo Naturalista Hábitat levamos anos traballando, non soamente na divulgación desta problemática ambiental, senón tamén no control de varias especies vexetais exóticas invasoras que ocupan espazos naturais sensibles, como poden ser os sistemas dunares. Un ano máis seguiremos traballando no control destas especies nalgúns dos nosos espazos naturais baixo a iniciativa “Hábitat sen EEI. Espazos Naturais sen Especies Exóticas Invasoras”.

Comezaremos nunha zona onde xa traballamos nestes anos pasados, na Praia de Alba (Arteixo) co Carpobrotus edulis, o vindeiro xoves, 27 e venres, 28 de agosto do 2020 de 10:30 a 13:30. As xornadas é de balde e abertas ao público e para participar é imprescindible a inscrición previa a través do formulario habilitado:

Ademais o venres, 28 de agosto, contaremos coa colaboración de Simbiose, entidade centrada en promover a participación e o voluntariado en accións sociais e ambientais, especialmente en colectivos menos implicados ou minorizados. 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!