O vindeiro 30 de xullo, de 10:30 a 12:30 h, no local social do Grupo Naturalista Hábitat, organizamos un Obradoiro ambiental sobre a montaxe e conservación de insectos, impartido polo noso compañeiro Jorge Ramos.
É unha actividade que nos fai especial ilusión, xa que recupera un coñecemento que durante décadas foi fundamental para entomólogos, naturalistas e investigadores. Antes da chegada da fotografía dixital, a montaxe e conservación de exemplares era unha ferramenta imprescindible para estudar a biodiversidade, identificar especies, comparar características e crear coleccións científicas que aínda hoxe seguen sendo unha fonte de información de enorme valor para a investigación e a conservación.
Aínda que hoxe a fotografía permite documentar moitos organismos sen necesidade de recollelos, as coleccións entomolóxicas continúan desempeñando un papel esencial no coñecemento da nosa biodiversidade e na conservación do patrimonio natural. Por iso queremos poñer en valor estas técnicas, que pouco a pouco foron quedando no esquecemento, e achegar ás persoas participantes os principios básicos da preparación e conservación de insectos, entendendo sempre o seu uso desde unha perspectiva científica, educativa e respectuosa coa natureza.
Se sempre tiveches curiosidade por descubrir como se preparan os exemplares para formar parte dunha colección científica, esta é unha oportunidade perfecta para aprender da man dun apaixonado da entomoloxía.
A xornada, de balde e aberta ao público. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza nas actividades ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Esta actividade está subvencionada por Deputación da Coruña integrada no Programa de accións ambientais 2026.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Leave A Comment