O lixo no mar constitúe un grave problema ambiental. Restos de plástico, cordas, envases e outros desperdicios prexudican seriamente a vida mariña e, debido á acción do vento e das correntes, rematan acumulándose na costa.
Nesta xornada de voluntariado afondaremos nesta problemática e aportaremos o noso granciño de area retirando o lixo da praia, para o cal precisamos a vosa colaboración. Tamén teremos ocasión de gozar deste fermoso recuncho do litoral ártabro e da biodiversidade que atopemos nel.
A xornada, de balde e aberta a todos os públicos, terá lugar o vindeiro domingo, 26 de abril, ás 17h. na praia de Cirro (Sada). Para a asistencia e participación é preciso a reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.
Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e pola Xunta de Galicia.
Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014
Entre tod@s, melloraremos o planeta!

Leave A Comment