O Seguimento de Bolboretas (Butterfly Monitoring Scheme, BMS) é un proxecto de ciencia cidadá fundamental para coñecer o estado de conservación destes insectos e, con eles, dos ecosistemas dos que dependen e do conxunto dos polinizadores. Este seguimento está coordinado pola Sociedad para el Estudio y la Conservación de las Mariposas en España (SOCEME).

Desde o Grupo Naturalista Hábitat colaboramos neste seguimento desde o ano 2022, contando na actualidade con varios transectos activos en Galicia grazas á implicación de persoas socias e voluntarias que, ano tras ano, se van sumando a esta iniciativa.

En que consiste o BMS?

O BMS baséase no deseño dun percorrido fixo (transecto) de entre 1 e 2 km, definido coa axuda da nosa coordinadora do eBMS en Galicia, Saba González, nunha zona que che resulte agradable para a observación de bolboretas. Recoméndase escoller un lugar próximo á túa casa ou ao teu lugar de traballo, para facilitar a continuidade do seguimento no tempo. Trátase dun espazo accesible e sinxelo, que serve tamén como escusa perfecta para saír ao campo, observar a natureza e desconectar.

Unha vez establecido o transecto, realízanse mostraxes periódicas cada 5 a 20 días. Isto tradúcese nun mínimo aproximado de 10 mostraxes entre os meses de marzo e setembro-outubro, ata que comezan as choivas do outono e remata a tempada de actividade das bolboretas.

E se ao comezo a identificación das bolboretas vos resulta complicada, non vos preocupedes: ao longo de todo o proceso contaredes co apoio de persoas con ampla experiencia que vos axudarán en todo momento, e a SOCEME dispón de varias guías de bolboretas de diferentes zonas de España. O máis importante é comezar, gozar do campo e contribuír activamente á conservación do noso patrimonio natural.

 

As persoas voluntarias participantes no programa contan cun seguro e coa cobertura necesaria para o manexo de fauna durante os percorridos, grazas á coordinación da SOCEME.

Por que é importante participar?

Os seguimentos baseados na ciencia cidadá, como o BMS, permitiron demostrar que moitas especies de bolboretas están a sufrir un claro declive. En Galicia aínda existen amplas zonas sen datos, polo que a vosa colaboración é clave para ampliar a rede de seguimento e mellorar o coñecemento e a conservación destas especies tan sensibles aos cambios ambientais.

Queres participar?

Se che interesa participar, cubre o seguinte formulario e poñemonos en contacto contigo:

 

E se precisas máis información, non dubides en poñerte en contacto con nós ou coa SOCEME (info.soceme@soceme.es).

A túa participación é clave para o futuro das bolboretas en Galicia!!