O lixo mariño é un dos maiores problemas ambientais que afectan aos ecosistemas costeiros. Plásticos, cabos, envases e outros residuos afectan negativamente á biodiversidade mariña, e acaban chegando ás praias transportados polo vento e as correntes.
Nesta xornada de voluntariado na praia do Regueiro (Bergondo) traballaremos na retirada de lixo mariño da man do alumnado de 1º da ESO do CPI Cruz do Sar (Bergondo). Ademais de contribuir á limpeza da nosa contorna, esta actividade permitirá tamén fomentar a conciencia ambiental, reflexionar sobre o lixo, e amosar a importancia de diminuir a súa xeración.
Esta acción enmárcase dentro do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e pola Xunta de Galicia.
Entre todos, melloraremos o planeta!

Leave A Comment