No mes de agosto propoñemos dúas actividades dedicadas a descubrir e poñer en valor un grupo de insectos pouco coñecido pero moi relevante nos nosos ecosistemas: as avelaíñas. Con esta iniciativa, desde o Grupo Naturalista Hábitat queremos achegar a súa diversidade tanto desde a observación directa no campo como desde a mirada artística da ilustración.

A primeira das actividades terá lugar o xoves, 7 de agosto, en Carral, cunha mostraxe nocturna de avelaíñas, de 22:00h a 01:00h. Durante esta sesión realizaremos unha mostraxe con luz para observar as diferentes especies que acoden atraídas pola iluminación artificial. A actividade permitirá aprender sobre a súa bioloxía, ciclos vitais, adaptacións e o importante papel ecolóxico que desempeñan como polinizadores nocturnos e como alimento doutras especies.

A segunda actividade será o sábado, 9 de agosto, en Liáns (Oleiros), cun taller de ilustración sobre as avelaíñas, de 17:30h a 20:30h. A través da observación e representación gráfica, achegarémonos aos detalles morfolóxicos, ás cores e patróns destas especies. A sesión estará guiada pola ilustradora ALO, que xa nos acompañou noutras sesións. As persoas participantes aprenderán técnicas básicas para representar estes organismos con precisión e sensibilidade, e crearán as súas propias ilustracións, combinando ciencia e arte. Non é necesario ter experiencia previa en debuxo.

As actividades están abertas a todas as persoas interesadas, podendo inscribirse por separado ou asistir á xornada completa. 

O prezo da mostraxe de avelaíñas é de:

  • Socios/as: Menores de 14 anos: 8 €; Maiores de 14 anos: 10 €
  • Non socios/as: Menores de 14 anos: 10 €; Maiores de 14 anos: 15 €

Mentres que o obradoiro de ilustración ten un custo de:

  • Socios/as: Menores de 14 anos: 15 €; Maiores de 14 anos: 20 €
  • Non socios/as: Menores de 14 anos: 18 €; Maiores de 14 anos: 25 €

Se te inscribes ás dúas actividades o prezo é de:

  • Socios/as: Menores de 14 anos: 18 €; Maiores de 14 anos: 25 €
  • Non socios/as: Menores de 14 anos: 25 €; Maiores de 14 anos: 35 €

As prazas son limitadas e xa está aberto o prazo de inscrición. 

 

Animámoste a gozar desta experiencia única para descubrir as nosas avelaíñas e plasmar toda a súa diversidade no papel. Non o perdas!