Na cidade da Coruña conviven con nós aves que teñen comportamentos fascinantes e unha vida íntimamente ligada ao ceo e ás construcións humanas. É o caso do cirrio eurasiático (Apus apus), unha ave migradora que chega dende África cada primavera para criar nas fendas e buratos de edificios e monumentos e que está protexida polo Real Decreto 139/2011, de 4 de febreiro.
Durante décadas, as murallas do Xardín de San Carlos foron un dos principais enclaves de cría desta especie na cidade. Nos anos 80 acollían varias decenas de parellas, pero os últimos censos realizados polo Grupo Naturalista Hábitat en 2024 detectaron tan só entre 3 e 5 parellas activas, o que reflicte unha preocupante tendencia á baixa.
Na primavera do 2024, a instalación dunha rede de protección na muralla para evitar desprendementos ameazaba con impedir o acceso aos ocos de cría. Afortunadamente, grazas á boa disposición do Concello da Coruña foi posible consensuar unha solución respectuosa coa biodiversidade:
- Pospuxose a colocación da rede durante a época de cría dos cirrios (ata mediados de agosto).
- Instalouse un valado alternativo de seguridade, evitando interferencias cos ocos ocupados.
- A colocación da rede definitiva adiouse ata despois do 15 de agosto, unha vez rematada a tempada reprodutora.
Xa en 2025, e co fin de garantir a continuidade da colonia e mesmo favorecer a súa recuperación, leváronse a cabo novas accións de conservación:
- Instalación de caixas niño especiais para cirrios nas fiestras do miradoiro da muralla.
- Inclusión de reclamos acústicos a intervalos para estimular a ocupación das novas caixas.
- Apertura de ocos adicionais na rede, coidadosamente deseñados para permitir o acceso das aves sen comprometer a seguridade das persoas.
Estas medidas, desenvolvidas antes do 10 de abril, chegaron xusto a tempo para recibir aos primeiros cirrios da tempada. Este caso demostra que a conservación da natureza urbana é posible cando se traballa con coordinación, ciencia e vontade colectiva.
Un problema recorrente: a ameaza das obras sobre as colonias urbanas
Este tipo de situacións non son illadas. Xa en 2017, o Grupo Naturalista Hábitat, xunto con outras entidades ambientais galegas, alertaba da afección das obras de rehabilitación na rúa Nova nº2 sobre unha importante colonia mixta de Apus apus e Apus pallidus, a máis emblemática da cidade (ver a nova na nosa web). Nese caso, a instalación de andamios e redes durante o período reprodutor impediu o acceso aos ocos de cría, supoñendo unha grave ameaza para a continuidade da colonia.
Aquela experiencia puxo de manifesto a importancia de prever estas actuacións con antelación e de incorporar criterios ambientais na planificación urbanística. Grazas á mobilización e ao diálogo entre administracións, empresas e entidades ecoloxistas, logrouse tamén naquela ocasión unha solución que compatibilizase a conservación da biodiversidade coas necesidades urbanas, seguindo exemplos exitosos xa aplicados en outros puntos de Galicia, como a muralla de Lugo ou a ponte romana de Ourense.
Desde o Grupo Naturalista Hábitat seguimos traballando para facer visibles estas problemáticas e propoñer solucións viables que aseguren a conservación das aves urbanas, legalmente protexidas, e que teñen un importante papel ecolóxico no control de insectos e como parte do noso patrimonio natural.
Seguiremos observando a evolución da colonia do Xardín de San Carlos e apostando pola protección da biodiversidade na cidade, con pequenos grandes xestos como este.

Leave A Comment