Este sábado tes unha nova cita nos nosos Obradoiros Ambientais! Desta volta levaremos a cabo un taller de elaboración de cadernos de campo artesanais, onde os participantes que desexen acudir poderán facer e personalizar a man cadansúa libreta. 

Coexistindo con numerosas ferramentas e aplicacións dixitais, o caderno de campo tradicional (libreta, papel e lapis) continúa sendo unha ferramenta moi útil para iniciarse no mundo do naturalismo, xa que nos permite coller bos hábitos á hora de rexistrar as observacións que fagamos nas nosas saídas de campo, practicar o debuxo da natureza, e mesmo servirnos de pequeno banco de mostras onde gardar plumas, follas, pelos e demais elementos. En definitiva, un recurso estupendo para impulsar unha cultura científica e un espírito investigador. E que mellor que comezar facendo o noso propio caderno! 

Reutilizaremos materiais para facer as tapas, empregaremos follas de papel reciclado e aprenderemos unha técnica de costura con fío natural para encadernar as nosas libretas. Finalmente, decoraremos os cadernos segundo máis nos guste e poderemos levalos connosco, listos para enchelos de anotacións nas nosas saídas de campo… Abofé que pasaremos un rato entretidos!

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o sábado 12 de abril do 2025, ás 10:30h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña: ver localización no mapa). Debido á complexidade da técnica de costura que aprenderemos, o obradoiro está especialmente dirixido a maiores de 12 anos. Os máis cativos que desexen acudir serán tamén benvidos, mais é probable que precisen da axuda dun familiar para poder elaborar o caderno.

Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!