O vindeiro mércores, da man da Universidade da Coruña e do Grupo Micolóxico Galego Luís Freire, tes unha cita para coñecer polo miúdo uns abraiantes seres vivos: os mixomicetos. Pequenos organismos multicelulares pertencentes ao reino Protista, no que se inclúen tamén protozoos e amebas. A denominación de Myxomycetes provén do grego (myxo: mucoso, e mykes: fungo) e equivale a fungos mucosos, o que describe de xeito gráfico o seu aspecto.

A xornada terá dúas partes diferenciadas, que se celebrarán na Factultade de Ciencias da Universidade da Coruña – UDC (Campus da Zapateira): ver localización no mapa.

  • Charla e presentación da Guía «Mixomicetos de Galicia e norte de Portugal»

    • Hora: 12:00h.
    • Lugar: Salón de actos.
    • Comentarios: presentación desta publicación pioneira e única na Península Ibérica, que recolle ata 91 especies diferentes. Esta guía foi creada por Óscar Requejo Martínez -micólogo, micófilo e Presidente do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire- e N. Floro Andrés Rodríguez -Doutor en Farmacia, membro da Real Academia de Farmacia de Galicia, do Grupo Berbés de Investigación e integrante, dende 1992, do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire-. A guía pretende mostrar un mundo de seres enigmáticos, de vivas cores, variadas formas e interesantísima bioloxía, resultado de moitos anos de traballo de campo e de investigación por parte dos seus autores.
    • Inscricións: actividade de portas abertas. Non se require inscrición para a asistencia.
  • Obradoiro de identificación de mixomicetos

    • Hora: 13:00h
    • Lugar: Laboratorio Anexo Interior Bioloxía (2º andar).
    • Comentarios: taller de identificación de mixomicetos, guiado por expertos da Universidade da Coruña e do Grupo Micolóxico Galego..
    • Inscricións: actividade con prazas limitadas. Para a asistencia e participación neste obradoiro é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!