Lutra lutra, Lontra

A lontra, Lutra lutra (Linnaeus, 1758), é un mamífero semiacuático da familia dos mustélidos fortemente adaptado á vida na auga, tanto morfolóxica como fisioloxicamente. Presenta corpo alongado, cabeza aplanada e extremidades curtas e robustas. Orellas, nariz e ollos atópanse desprazados á parte superior da cabeza. Os dedos, conectados entre si mediante unha membrana interdixital, axudan ao animal na natación xunto á súa longa cola, que se mostra aplanada, ancha na base e estreita na punta.
Os machos, maiores que as femias, poden chegar aos 9 kg de peso e 75 cm de lonxitude, sen contar a cola, medindo esta última máis da metade do corpo.
Presenta un pelame pardo en xeral, curto, espeso e compacto, cunha conspicua mancha de tonalidade máis clara que ocupa a zona da gorxa e parte superior do peito.
Carnívoro oportunista en canto á dieta, depreda sobre organismos ligados á auga. Peixes e cangrexos constitúen as súas presas principais, sen menosprezar anfibios, réptiles e ata pequenos mamíferos, aves e mesmo insectos.
Especie maiormente de hábitos nocturnos e crepusculares, podendo adquirir ciclos máis diúrnos alá onde non son molestadas.
A localización de rastros e indicios, tales como excrementos (que sitúan en lugares conspicuos), pegadas e outros, son indicativos da presenza desta especie nunha área determinada, sendo elementos que facilitan o seu estudo e seguimento.
Rastros de lontra. Esquerda: molde dunha pegada; Centro: excremento con restos de peixe (cor escura). Dereita: excremento con restos de cangrexo (cor vermella). © Andrés Pereira
Para afondar no coñecemento da abundancia e distribución da lontra, iniciamos una campaña de recollida de citas
Distribución
A especie pesenta unha distribución paleártica, incluíndo o norte de África e parte da rexión Indo-malaia. Lutra lutra é a especie de lontra con maior distribución mundial, e o único representante do seu xénero no continente europeo.
A lontra sufriu un grave proceso de regresión en toda Europa dende a primeira metade do século XX, e ata mediados dos anos 80, sendo a contaminación das augas e a bioacumulación de compostos tóxicos as principais causas. Posteriormente, a especie iniciou un proceso de recuperación, incrementando a súa presenza en tódalas cuncas hidrográficas da España peninsular, atopándose na actualidade en case todo o territorio. Exemplo desta recuperación son os resultados das sondaxes nacionais que se levan facendo desta especie nas última décadas (catro campañas realizadas ata hoxe día). A primeira delas (1984) reflectiu un 33,5% de estacións de mostraxe positivas sobre o total realizado. Porcentaxe que na última campaña (2014-2016) ascendeu ao 64,22% (Grupo Nutria – SECEM), advertíndose unha ampla presenza da especie en Galicia, que se mostra coma unha comunidade propicia para as súas poboacións.
Hábitat
A lontra habita cursos e masas de auga de diversa entidade (ríos, lagoas e marismas, entre outros), estando vinculada principalmente a aquelas que manteñen unha certa cobertura vexetal nas súas orillas. Trátase dunha especie propia de ecosistemas acuáticos, podendo atoparse tanto en medios continentais como no litoral.
Durante o recente proceso de recuperación, as lontras comezaron a ocupar tramos medios e baixos de ríos, aparecendo hoxe en día tamén en ambientes antrópicos.
Debido aos seus elevados requirimentos espaciais, esta especie pode realizar grandes desprazamentos. Así mesmo, mostra un amplo rango altitudinal, podendo observarse dende o nivel do mar ata os 1800 m de altitude, e de xeito excepcional en cotas superiores, aproveitando a reprodución de potenciais presas.
Ameazas
A destrución do seu hábitat (con especial atención aos bosques de ribeira) e a contaminación das augas, cóntanse entre os principais factores de ameaza para a lontra. Outras circunstancias, tales como a mortalidade debida aos atropelos na rede viaria, ou a redución das súas poboacións de presas, poden afectar tamén negativamente á especie.
A nivel mundial, Lutra lutra considérase unha especie Casi Ameazada (IUCN). En España, atópase integrada no “Listado de Especies en Régimen de Protección Especial”, e incluída na categoría Preocupación menor segundo o “Libro Rojo de los Mamíferos terrestres de España”. Diversas figuras de protección amparan á lontra, atopándose recollida no marco do Convenio de Berna como especie estritamente protexida (Anexo II), e na Diretiva Hábitats (92/43/CEE. Anexos II e IV).
Tríptico en formato PDF
Podes descargar aquí o tríptico elaborado polo Grupo Naturalista Hábitat para a especie do ano 2020 na Reserva de Biosfera MCeTM
Fotografías
© Juan “Cachy” Veiga
Xornada sobre a lontra






















