Woodwardia radicans, Fento do botón

Este fento da familia Blechnaceae é un dos pteridófitos (fentos, felgos, fieitos) de maior talla en Galicia: medra ata os 1,8 metros de altura e supera os 2 metros de envergadura. Presenta unhas frondes ovado-lanceoladas, perennes e arqueadas. As pinnas son caudadas, de ata 30 cm, e teñen pínnulas curvadas (subfalcadas) e finamente dentadas. Os soros están dispostos en dúas fileiras, a modo de elos dunha cadea no envés das frondes: de aí o nome en inglés, Chain fern (fento de cadea). Na punta das frondes forma uns bulbiños (os botóns aos que refiren os nomes galego e portugués) do tamaño dunha noz, que son quen de enraizar (de aí o nome radicans) e formar individuos clónicos ao proxenitor. O pecíolo é forte e de cor castaña escura cara á base, con escamas avermelladas. Os rizomas son grosos, con numerosas raíces, visibles en superficie e cubertos de páleas marróns.
Adoita atoparse formando masas máis ou menos densas pero en xeral pouco extensas, preto da auga, a miúdo en pendentes case verticais e acompañados doutros fentos de menor porte. Tamén se poden atopar individuos illados.
Para afondar no coñecemento da abundancia e distribución do fento do botón, iniciamos una campaña de recollida de citas
Distribución
Fonte: http://www.anthos.es
Considérase un elemento florístico macaronésico. É nativa das illas Azores, Madeira, Canarias e litoral cántabro-atlántico ibérico, dende o Bidasoa ata o Mandeo e, por zonas, ata Lisboa. De xeito illado, tamén se atopa en enclaves no Mediterráneo (Córcega, Calabria, Arxelia, Creta). En Galicia medra na faixa máis próxima á costa, acadando os 550 metros sobre o nivel do mar e penetrando no interior polos vales do Eo, Landro e Eume. Abondoso na Serra da Capelada. Na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo áchase en puntos próximos aos ríos Lambre e Mandeo. No sur medra no Barbanza, río Arnego, Lourizán e Oia.
Hábitat
Precisa dun clima con influencia oceánica, suave, con elevada humidade edáfica e atmosférica, a miúdo en zonas avesías de regos encaixados a baixa altitude. A hipótese máis estendida é que estaría presente na Europa continental como elemento relicto do Terciario (entre 65 e 1,5 millóns de anos de antigüidade), cando as condicións climáticas do sur de Europa eran máis cálidas e húmidas que as actuais. Tras varias glaciacións, este e outros fentos desapareceron de boa parte da súa área de distribución do Terciario, agás en enclaves concretos.
Ameazas
A especie está considerada Vulnerable en Galicia. Un estudo publicado en 2005 determinou que a deforestación das ribeiras fluviais aféctalle moito, non tanto por provocar a incidencia directa da luz solar, senón pola desprotección que orixina fronte ás xeadas. As rozas para efectuar plantacións forestais (sobre todo eucaliptos) preto de regatos ameazan seriamente esta especie. Ademais, o gando doméstico supón tamén un prexuízo para este fento único. Por exemplo, en 2012 foi detectada a afección a esta especie por un rabaño dunhas 300 cabras asilvestradas na zona máis baixa das Fragas do Eume, que fuxían dun incendio nas zonas altas. Para garantir a preservación da especie deberíanse conservar as ribeiras dos cursos fluviais onde habita, protexendo sobre todo a ripisilva fronte ás talas e lumes, e xestionando racionalmente os usos do sotobosque.
Deberíanse prohibir especificamente os cultivos forestais, especialmente de eucalipto, nas localidades con presenza deste fento.
Tríptico en formato PDF
Fotografías
© Ricardo Ferreiro












