Proxecto Noucho

Debido aos seus hábitos, as rapinas nocturnas son unha das familias de aves máis descoñecidas para a poboación. O impacto das actividades do ser humano sobre o medio natural levaron á práctica desaparición dalgunhas destas especies na nosa rexión. Moitas veces, as lendas infundadas que se crearon ao redor delas tampouco axudaron á súa conservación.

Nada máis lonxe da realidade. Bufos, curuxas, mouchos e avelaionas son grandes aliados das nosas colleitas, manténdoas a salvo de pragas de micromamíferos e insectos. Ademais, son aves belas e de comportamento asombroso, ás que a evolución dotou dunhas calidades dignas de estudo.

Mediante este grupo de traballo queremos profundar no coñecemento das rapinas nocturnas, centrándonos nas poboacións locais, e dalo a coñecer a través desta web e de diversas actividades que iremos desenvolvendo.