
Seguimento de bolboretas (BMS)
O Seguimento de Bolboretas (Butterfly Monitoring Scheme, BMS) é un proxecto de ciencia cidadá fundamental para coñecer o estado de conservación destes insectos e, con eles, dos ecosistemas dos que dependen e do conxunto dos polinizadores. Este seguimento está coordinado pola Sociedad para el Estudio y la Conservación de las Mariposas en España (SOCEME).
Desde o Grupo Naturalista Hábitat colaboramos neste seguimento desde o ano 2022, contando na actualidade con varios transectos activos en Galicia grazas á implicación de persoas socias e voluntarias que, ano tras ano, se van sumando a esta iniciativa.
En que consiste o BMS?
O BMS baséase no deseño dun percorrido fixo (transecto) de entre 1 e 2 km, definido coa axuda da nosa coordinadora do eBMS en Galicia, Saba González, nunha zona que che resulte agradable para a observación de bolboretas. Recoméndase escoller un lugar próximo á túa casa ou ao teu lugar de traballo, para facilitar a continuidade do seguimento no tempo. Trátase dun espazo accesible e sinxelo, que serve tamén como escusa perfecta para saír ao campo, observar a natureza e desconectar.
Unha vez establecido o transecto, realízanse mostraxes periódicas cada 5 a 20 días. Isto tradúcese nun mínimo aproximado de 10 mostraxes entre os meses de marzo e setembro-outubro, ata que comezan as choivas do outono e remata a tempada de actividade das bolboretas.
E se ao comezo a identificación das bolboretas vos resulta complicada, non vos preocupedes: ao longo de todo o proceso contaredes co apoio de persoas con ampla experiencia que vos axudarán en todo momento, e a SOCEME dispón de varias guías de bolboretas de diferentes zonas de España. O máis importante é comezar, gozar do campo e contribuír activamente á conservación do noso patrimonio natural.
As persoas voluntarias participantes no programa contan cun seguro e coa cobertura necesaria para o manexo de fauna durante os percorridos, grazas á coordinación da SOCEME.
Participa
Por que é importante?
Os seguimentos baseados na ciencia cidadá, como o BMS, permitiron demostrar que moitas especies de bolboretas están a sufrir un claro declive.
En Galicia aínda existen amplas zonas sen datos. A túa axuda é clave para:
- Ampliar a rede de seguimento
- Mellorar o coñecemento científico
- Favorecer a conservación de especies sensibles
Información
Non é necesaria experiencia previa.
Se tes dúbidas ou precisas máis información, escribenos sen compromiso. Resolveremos as túas preguntas e axudarémoste a comezar.
Podes contactar con nós ou coa SOCEME (info.soceme@soceme.es).

