Phocoena phocoena, toniña

A toniña (Phocoena phocoena) é o cetáceo odontoceto de menor tamaño do Atlántico Norte. A súa lonxitude oscila entre os 130 e 180 cm, e o peso vai dos 25 aos 90 kg. As femias son maiores que os machos, e os individuos da poboación galega son de maior tamaño que os do norte de Europa.
O seu corpo é robusto, negro no lombo, gris nos costados e branco no ventre. Unha liña escura vai dende a comisura da boca ata as súas aletas pectorais, que son redondeadas e negras. Estas serven como temón. A súa aleta dorsal é triangular, cunha base ancha. Ten unha cabeza ampla, curta e sen o bico característico dos golfiños.
Os seus pequenos dentes en forma de culler están adaptados a unha dieta piscívora e oportunista. A toniña detecta as súas presas (peixes de pequeno tamaño, crustáceos e cefalópodos) mediante ecolocalización.
A madurez sexual acádase entre os 3 e os 6 anos. As femias teñen unha cría cada ano ou cada dous anos (de media, catro crías ao longo da súa vida). A xestación dura entre 10 e 11 meses. A lactación dura de 8 a 10 meses, aínda que as crías comezan a comer peixe aos 5 meses.
Distribución
A toniña só se atopa no hemisferio norte. Ten unha ampla distribución, con poboacións no Atlántico Norte, pero tamén no Pacífico Norte, no mar Negro e no mar Caspio.
A poboación ibérica concéntrase nas Rías Baixas galegas e na costa norte de Portugal. Máis pequena que as outras, está en grave declive. Diminuíu fortemente nas costas cantábricas e desapareceu por completo do Mediterráneo. Distínguese xeneticamente das do norte de Europa e do mar Negro. Os individuos ibéricos, debido ao seu hábitat diferente, teñen tamén unha dieta distinta.
Hábitat
É unha especie costeira que prefire augas frías e con profundidades inferiores aos 200 metros. Tamén frecuenta os esteiros e os portos.
Na Galiza, está presente no interior das rías.

Protección e ameazas
A escala mundial e europea, o estado de conservación da toniña é LC (Preocupación menor). Mais desde o ano 2020 a especie figura no Catálogo Español de Especies Ameazadas coa categoría de “En perigo de extinción“.
Ata finais do século XX, a toniña foi obxecto de pesca comercial no norte de Europa. Aínda se captura en Groenlandia e Corea do Sur. Dentro da Unión Europea, a especie está protexida pola Convención de Berna e pola Directiva Hábitats: a súa captura e comercio están, polo tanto, prohibidos.
Con todo, a toniña segue sufrindo capturas accidentais en redes de pesca. Ademais, aliméntase principalmente de especies comerciais e, por iso, vese afectado pola sobreexplotación dos recursos.
Ao ser unha especie costeira, vese tamén afectada pola degradación do seu hábitat, especialmente pola contaminación química, por metais pesados e por plásticos das augas. A contaminación acústica provocada polas actividades humanas interfire así mesmo na ecolocalización dos cetáceos.
Por último, as colisións con embarcacións son tamén un factor de impacto a ter presente.
Qué podo facer pola especie?
Calquera dato relativo ao avistamento de exemplares vivos, así como a localización de individuos varados, é relevante na nosa comunidade. Podes remitir as túas notificacións chamando ao 686 989 008 (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños – CEMMA), ou directamente no 112 (emerxencias) de ser preciso.
Tríptico en formato PDF
Podes descargar aquí o tríptico elaborado polo Grupo Naturalista Hábitat para a especie do ano 2025 na Reserva de Biosfera MCeTM





